Presentación
Estatutos
Actividades
Proxectos
Achegas
Galería de fotografías
Colaboradores
Contacto


Declarada festa de Galicia de interese turístico o 10 de xuño de 2005

A primeiros de 1993, un grupo de persoas naturais da parroquia de Aldán, Cangas do Morrazo, reúnense en diferentes ocasións no Salón Parroquial, cunha finalidade específica: a conservación e promoción da tradicional DANZA DE ALDÁN, que anualmente se celebra o 20 de xaneiro na honra de San Sebastián. Froito desas reunións xurdíu a ASOCIACIÓN CULTURAL SAN SEBASTIÁN, inscrita no rexistro do Goberno Civil da provincia o 19 de xullo de 1993 co número provincial 2968.

Recoñecendo entón como agora que a estima cultural dun pobo ven determinada pola defensa de aquelas manifestacións, relixiosas ou non, que teñen un especial enraizamento no lugar, esta ASOCIACIÓN CULTURAL intenta ano tras ano que a celebración mencionada non desmereza da festividade da que é un dos seus elementos fundamentais.

Existe documentación recente (1668 !!) na que consta a constitución da COFRADÍA DEL GLORIOSO SEÑOR S. SEBASTIÁN, da que foi o seu primeiro mordomo Don Francisco de Gayoso y Aldao, Señor del Solar y Fortaleça de Aldao, sendo vicerrector da Igrexa Parroquial el Lizenciado Domingo de Gestido y Soto. Probablemente a xénese da mesma Danza remóntase séculos atrás e non debía ter unha finalidade exclusivamente relixiosa, de aí a tradición que, transmitida de xeito oral, a sitúa no último trimestre do ano. Sea como fose e independentemente da relación que a mesma mantivo co Condado de Canalejas, hoxe é certo que a Danza ten e mantén unha impronta marcadamente relixiosa que pode ser observada nalgúns dos atributos dos que tanto damas como galáns fan ostentación durante o baile (Cf. por ex, a banda dos galáns).

Das relacións que esta Danza ten con outras que se celebran nas veciñas parroquias de Hío e Darbo, na honra de San Roque e Santa María respectivamente, sobre todo no apartado musical e de execución, ténense verquido infructuosos ríos de tinta, na procura da primacía dunha sobre as outras. O que sí parece claro é que este tipo de manifestacións veñen determinadas por cuestións de carácter diverso: agradecemento polas colleitas recibidas - polo tanto, de carécter agrícola- , acción de gracias pola superación de distintos males pola intercesión dun santo determinado - cf. casos de peste -, etc..

  • Co obxecto de cumprir os fins para os que foi creada, esta Asociación Cultural organiza as seguintes actividades:
  • Realizar anualmente coa maior solemnidade posible cada 20 de xaneiro a tradicional danza na honra de San Sebastián.
  • Fomento do baile da danza nos colexios de Aldán.
  • Conservar na súa pureza a danza tanto no vestiario como na música.
  • Recuperar todo o material documental relacionado coa danza.

Do anterior infírese que ao Mordomo/a da Festa, que anualmente nomea o cura-párroco, correspóndelle o lado relixioso do acto, que consistirá en liñas xerais en:

  • Arranxo da Igrexa de San Cibrán de Aldán en consoancia coa festividade.
  • Contratación dos gaiteiros cara a celebración da danza, tanto no que se refire aos ensaios da mesma como á procesión relixiosa durante a celebración da misa solemne, sen esquecer a sesión vespertina da mesma.
  • Encargo dos fogos de artificio que se consideren precisos para a celebración da festividade.
  • Agasallo ás damas e galáns nas vésperas da celebración.

A situación actual implica cada vez máis unha maior participación da Asociación non só na cuestión específica da danza, senón tamén na cuestión relixiosa (arranxo da Igrexa, fogos de artificio, megafonía, etc..).