Presentación
Estatutos
Actividades
Proxectos
Achegas
Galería de fotografías
Colaboradores
Contacto

A actividade fundamental está baseada na coordinación dos responsables de organización da festividade de San Sebastián e a súa Danza. Cando se fala de organización referímonos ás dúas vertentes que necesariamente conflúen nesta celebración: a Asociación Cultural San Sebastián e o Mordomo/a da festa.

No que se refire á Asociación Cultural San Sebastián, esta se rexe polos seus estatutos, aprobados polo Goberno Civil de Pontevedra con data 19 de xullo de 1993, e concretamente polos artigos 2º e 3º, que son deste teor:

Artigo 2º: Os fins da Asociación serán:

  • Promocionar e conservar o patrimonio da danza que anualmente se celebra o 20 de xaneiro.
  • Promoción, formación, integración social e entretemento dos socios/as da localidade sen ningún interese lucrativo.

Artigo 3º: Para o cumprimento dos fins do artigo anterior, a Asociación organizará as seguintes actividades:

  • Realizar anualmente coa maior solemnidade posible cada 20 de xaneiro a tradicional danza na honra de San Sebastián.
  • Fomento do baile da danza nos colexios de Aldán.
  • Conservar na súa pureza a danza tanto no vestiario como na música.
  • Recuperar todo o material documental relacionado coa danza.

Do anterior infírese que ao Mordomo/a da Festa, que anualmente nomea o párroco, correspóndelle o lado relixioso do acto, que consistirá en liñas xerais en:

  • Arranxo da Igrexa de San Cibrán de Aldán en consonancia coa festividade.
  • Contratación dos gaiteiros cara a celebración da danza, tanto no que se refire aos ensaios da mesma como á procesión relixiosa durante a celebración da misa solemne, sen esquecer a sesión vespertina da mesma.
  • Encargo dos fogos de artificio que se consideren precisos para a celebración da festividade.
  • Agasallo ás damas e galáns nas vésperas da celebración.

Como ofrenda relixiosa que é, o Mordomo/a verá de empregar do mellor xeito posible as achegas económicas de todos os fregueses na consecución dos fins anteriormente enunciados. Neste sentido, se concorrese algunha circunstancia especial que impedise o nomeamento do Mordomo/a previsto anualmente, a Asociación Cultural San Sebastián levará a cabo a celebración da festividade con cargo aos fondos dos que dispoña no momento no que o feito se produza.

Para que as futuras celebracións non desmerezan do seu cometido, constituirase unha Comisión, nomeada anualmente e formada pola Xunta Directiva da Asociación Cultural San Sebastián e o Mordomo/a, que vele polo anteriormente exposto, no sentido de que os problemas, principalmente de carácter organizativo, que poidan xurdir, sexan superados equitativamente polos integrantes da Comisión.

Desde esta Asociación se teñen desenvolvido actividades culturais (concursos de debuxo e literario) nos dous colexios da Parroquia de Aldán - CEIP de Espiñeira e Colexio Sagrada Familia - na procura dunha maior concienciación da importancia dun acto que ten na Danza o seu eixo central.

Reunido o xurado do III CONCURSO DE DEBUXO "SAN SEBASTIÁN" - 1998 DE ALDÁN - CANGAS DO MORRAZO, o pasado 9 de xaneiro de 1998, acordou por unanimidade outorgar os seguintes premios:

Título do Traballo
Pseudónimo
Curso
Colexio
Sen título Os divertidos/as 1º Primaria C. Público de Espiñeira
Danza "Aldán" Punkis 4º Primaria C. Público de Espiñeira
San Sebastián baixo a auga Pipi Calzaslargas 6º Primaria C. Sagrada Familia
A Danza de Aldán Charlatina 1º E.S.O. C. Público de Espiñeira
Tradición - Cultura Non sei 2º E.S.O. C. Público de Espiñeira

Dos traballos anteriores o xurado valorou, asemesmo, como máis axeitado para a súa presentación en pegatina o do colectivo Non Sei do Colexio Público de Espiñeira.

A Xunta Directiva da Asociación ten deixado en suspenso provisionalmente a celebración dos mencionados concursos, debido ao feito de que os traballos presentados amosaban unha continua reiteración, ano tras ano, nos temas centrais dos mesmos. Acórdase volver a celebralos baixo outra perspectiva e en contacto directo cos centros implicados.